Archivo de la etiqueta: estatísticas

As escritoras e os premios da editorial Xerais

Os premios literarios que convoca a editorial Xerais de Galicia son, pola súa contía e continuidade, dos de maior proxección da lingua galega na actualidade, quizais só superados, mediaticamente, polo galardón das Letras Galegas que, á fin, dedícase a unha persoa e non a un traballo literario concreto coma ven sendo no caso dos Xerais.

Nestes días, en que veñen de fallarse os premios da editora nas tres categorías en liza (un premio de novela e outros dous que se orientan á literatura infantil e máis á xuvenil respectivamente), déuseme por facer uns poucos números sobre o tema.

O Premio Xerais, ao que concorren novelas previsiblemente orientadas a público adulto, leva no seu haber trinta e unha edicións (1984-2015), e chama a atención que ata a súa edición número dezaoito (ano 2001), en que aparece o nome gañador de Marilar Aleixandre, non se lle concedeu a ningunha muller, quedando deserta entre medias a edición do ano 1993.

Dende 2001, concedéuselle a un total de 8 mulleres, grazas ao que as porcentaxes de mulleres premiadas ascenden ao 22’5% do total, unha das cales (María Lorenzo Miguens) foi covencedora xunto co seu pai, Manuel Lorenzo Baleirón, e a última premiada escritora foino en 2014 (María Reimóndez).

Onde as mulleres si conseguiron maior trascendencia nestes premios é no eido da literatura infantil e xuvenil, xa que nos Premios Merlín (nome co que se bautizou a categoría de premios dirixidos aos lectores e lectoras máis novos) atopamos unha presenza feminina que pode considerarse significativa, cando menos ata que aparece unha etapa de baldío feminino, onde todos os galardoados son homes, que discorre entre 1996 (cando resulta premiada An Alfaya) ata 2008, no que Mar Guerra Cid se alza co galardón.

Este Premio Merlín conta con 29 edicións (1986-2015) divididas en dúas etapas: infantil e xuvenil (1986-2005) e só infantil (2006-actualidade), o que é debido a que a partir de 2006 a editorial convoca un premio específico de novela orientada a público xuvenil, por convenio con Caixa Galicia (actualmente fusionada en A Banca), polo que o Premio Merlín propiamente dito queda restrinxido a literatura infantil.

Cómpre reseñar que xa na primeira edición dos Merlín resulta premiada unha muller: Úrsula Heinze. Dende entón, foron premiadas 11 mulleres, a última este mesmo ano 2015 (Érica Esmoris), o que significa case o 38% do total de persoas premiadas, unha porcentaxe que non está nada mal se temos en conta as cifras do Premio Xerais de novela que non chegaban nin ao 23%.

O premio específico de novela orientada a público xuvenil, bautizado nunha primeira etapa (2006-2011) co nome da entidade patrocinadora (Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil) e nunha segunda como Premio Jules Verne (2014-2015), con parón de 2 anos (2012-2013) probablemente debido a vicisitudes externas relacionadas co patrocinador, malia levar pouco tempo de percorrido, fai que nos congratulemos porque a porcentaxe de mulleres premiadas, das 8 edición convocadas e resoltas, ascende ao 50%, recaendo en 3 edicións seguidas (dato tristemente salientable) en mentes femininas, do 2007 ao 2009, e volvendo de novo a mans dunha muller (Andrea Maceiras) nesta última edición (2015) recentemente resolta.

Dende aquí, parécenos positivo que a visibilidade das mulleres neste tipo de galardóns literarios aumente co paso dos anos, dado o eco que alcanzan nos medios de comunicación, co que contribúen a normalizar unha situación (a de que as mulleres escribimos, sen etiquetas nin prexuízos) que, para min, estatísticas por diante, dista moito de ser a desexable.

Parabéns, pois, a Andrea Maceiras e a súa obra Europa Express polo Premio Jules Verne e a Érica Esmoris e Nena e o mar polo Merlín.

Sobre os premios da editorial Xerais na Galipedia (Wikipedia en galego):

Premio Xerais (de novela)

Premio Merlín (de literatura infantil e xuvenil, 1986-2005, e literatura infantil, 2006-actualidade)

Premio Fundación Caixa Galicia (de literatura xuvenil, 2006-2011) e Premio Jules Verne (de literatura xuvenil, 2014-actualidade)

Anuncios
Etiquetado , , , , , , , , ,