Verbas de Atenea: a crónica

[artigo publicado orixinalmente o 11 de marzo de 2013 no blog en galego 100% Maleducadas, actualmente inactivo. A autoría das imaxes que acompañan esta entrada pertencen en exclusiva a Patricia Mariño. Pica aquí se desexas consultar ese blog ao completo]

Queridiñas e queridiños todos que seguides as nosas tolemias literarias neste recuncho do ciberespazo: hoxe temos unha grande nova: a literatura galega congratúlase por darlle a benvida a Verbas de Atenea, un volume da colección Contos Estraños, de periodicidade trimestral. Anda este Verbas de Atenea infestado de historias maleducadas pertencentes a ese mundo que, invisible aos nosos ollos, peta nas fronteiras da máis fervorosa imaxinación: fantasía, ciencia ficción e terror danse a man neste proxecto estraño que, volume a volume, tomou corpo nun quinto número (máis o cero, co que sería o sexto) e que por primeira vez lle cede o protagonismo ás máis enfermizas mentes femininas dito dende a máis rendida admiración. Hai que ser deliciosamente maleducada para traspasar as fronteiras que pretenden etiquetar a “literatura feminina” nun xénero ou nuns poucos xéneros concretos. Que por algo a imaxinación da ás, e por algo nós (a máis maleducada bibliotecaria e a aluada que anda a redactar estas reviravoltas), malia que físicamente non puidemos achegarnos a Santiago de Compostela para asistir á presentación deste Verbas de Atenea, fixemos uso das ás que nos prestan as letras para traervos unha crónica escrita dun xeito doentemente directo e poder sentir así (coma o sentimos nó-las dúas) que roldades coma pantasmas, dun xeito etéreo e exquisito, entre esas xentes que se congregaron na presentación, este sábado 9 de marzo, comendo risas e brincadeiras, participando da tertulia posterior ao xantar, escoitando as voces que falan da sabedoría das mulleres, pasando o dedo polas primeiras palabras das Verbas de Atenea
En fin, que, en resumo, contamos coa mellor axuda posible: a de Patricia Mariño, veciña na blogosfera co seu recomendable espazo Los relatos de Patri, que aceptou moi positivamente actuar como a nosa cronista maleducada na xornada de presentación de Verbas de Atenea, na que participou como autora ao ter asinado un dos relatos que compoñen este número de Contos Estraños, “A lenda dos Mariño”, que, segundo a propia Patricia nos comentou, é para ela unha historia moi especial porque volve a súa ollada á lendaria orixe dun dos seus apelidos (Mariño, como podedes observar). O núcleo da lenda son, precisamente, os seres coñecidos como Mariños, descendentes dun humano e unha serea. Mentres que, ao parecer, na maioría das versións o humano é un nobre, na que constrúe Patricia, tal e como a oíu relatar acotío, quen coñece á serea que dará principio á saga é un mariñeiro.
Agora que xa coñecedes á nosa cronista e, un pouco por riba, aquilo que nos vai relatar, xa deixo o teclado nas mans de Patricia Mariño para que poidades irvos enchoupando da sabedoría (100% maleducada) que pariron estas Verbas de Atenea. Claro que, para enchouparse efectivamente con elas, haberá que agardar a abril…

Presentación de “Verbas de Atenea” de Contos Estraños, a cargo de Patricia Mariño

O sábado día 9 de marzo, xusto despois do Día da Muller Traballadora, tivo lugar a presentación do volume nº 5 de Contos Estraños, titulado desta vez Verbas de Atenea, e como non podía ser doutro xeito nestas especiais datas, este libro está dedicado as mulleres. Nesta ocasión, os editores Fernando Cimadevila e Tomás González Ahola fixeron un chamamento para que colaborasen as autoras e ilustradoras de fantasía, terror e ciencia ficción da Galiza.
Dita presentación, acontecida en Santiago de Compostela, estivo composta por dous actos diferenciados. Por unha banda, unha comida no restaurante J de Joker, xa tradicional nas presentacións de Contos Estraños e, por outro, o que foi a presentación en si, na libraría Lila de Lilith, especializada en mulleres, moi axeitada para un acontecemento desta natureza.
Eu, como autora, acudín con toda a ilusión do mundo a presentación da miña primeira publicación. Primeiro estiven na comida coñecendo algúns compañeiros e compañeiras que colaboran habitualmente coa editorial, entre eles outra das autoras deste volume, María Eijo. Alí puiden xa admirar por primeira vez o libro, estaba moi emocionada, con esa fermosísima cuberta estilo Art Nouveu, deseñada por Jara Zambrano, e tamén tiñan números anteriores e algunha das novelas para botarlle unha ollada. A comida estivo moi ben e aderezada coas animadas conversas, as risas e anécdotas.
Lote de “Verbas de Atenea” xunto a outros productos
Despois dirixímonos cara a Lila de Lilith para o acto de presentación. Nunca estivera nesta libraría, e a verdade é que me gustou moito, ten material ben interesante, e ademais ver xa nunha libraría exposto un libro no que escribiches é unha sensación indescritíbel.
Preparando o escenario da presentación
O acto de presentación foi dirixido por Fernando Cimadevila, que fixo unha pequena introdución, explicando un pouco como vai a publicación da colección Contos Estraños. Contos Estraños, para que non a coñeza, é unha editorial que ten dúas liñas, unha infantil e outra adulta. Na liña adulta ten por un lado novelas e por outro a colección [que da nome á editorial] á que pertence Verbas de Atenea; trátase dunha publicación trimestral á maneira daquela mítica revista americana chamada Weird Tales, na que tamén publicaban relatos de fantasía, terror e ciencia ficción, publicación que lanzou a dous grandes escritores desta temática como son H.P. Lovecraft e Robert E. Howard (creador de Conan o bárbaro e Solomon Kane entre outros). Fernando contou como tiveron a inspiración de facer un número de Contos Estraños con presenza exclusivamente feminina. A razón foi que nos números anteriores desta colección o número de relatos escritos por mulleres que recibiron foi bastante escaso, nalgún número incluso non tiveron ningún, co cal preguntáronse se non había autoras nin ilustradoras destes xéneros en Galiza e, coincidindo con esta data especial do Día da Muller Traballora, decidiron arriscarse. Ao final, segundo dixo Fernando, o resultado foi satisfactorio, e acudiron á súa chamada un bo número de candidatas, co que se fixo patente que as mulleres estamos aí, agochadas, cústanos aínda saír, pero aquí estamos. Dende logo este número seguro que da un bo impulso a participación feminina nos seguintes números, e incluso con algunha novela. Eu dende logo intentarei seguir colaborando. Tamén explicou un pouco o motivo do título, Verbas de Atenea: quere simbolizar o esplendor da sabedoría feminina na época grega, simbolizada pola deusa Atenea, e en contraste con esa grande época os seguintes séculos de anonimato das mulleres, que sempre estaban na sombra, transmitindo a súa sabedoría de maneira clandestina.
Cando Fernando rematou a súa introdución deu paso a que falaran tres das autoras e ilustradoras do libro, que actuaron en representación de todas; con el na mesa estaban Jara Zambrano, ilustradora da marabillosa portada, Suzi Ons, autora do relato “O caso San Martiño” e Lúa Campos, autora e ilustradora de “O Ciclo”. Jara falounos un pouco do proceso creador da portada, como, ó ser un número dedicado as mulleres, lle pareceu axeitado empregar o estilo Art Nouveau, por ser un estilo delicado. Segundo nos contou, por motivos de traballo tivera que experimentar con este estilo e quedou moi satisfeita. Debido ao título do volume fixo unha escena na que se ve no centro Atenea, e vense tamén unhas mulleres que escoitan e recollen esa sabedoría secreta que as mulleres foron pasando de xeración en xeración. Suzi falounos da súa afección pola ufoloxía e as conspiracións nas que se inspirou para o seu relato; tamén contou como curiosamente nesta ocasión a presenza maioritaria é de personaxes masculinos, a pesar de que normalmente lle gustaba escribir sobre mulleres aventureiras e valentes; deu como referencia a escritora Matilde Asensi, da que dixo que lle encantaban as súas novelas e as súas protagonistas pouco estereotipadas. Agora foi a vez de Lúa Campos para falarnos un pouco do seu relato “O ciclo”, o cal escribiu e ilustrou; deu clara mostra dun gran talento multidisciplinar. Contou como esta obra súa levaba tempo creada e gardada nun caixón, e pareceulle que encaixaba co espírito deste volume, polo tanto, rescatouna, volveu a lela e fixo a súa propia ilustración. Lúa Campos, normalmente, dedicase máis a pintar (xa fixo varias exposicións e gañou un premio por un cadro) que a escribir, aínda que dixo que repetiría a experiencia.
Mesa dende a que Fernando Cimadevila e algunhas autoras
compartiron a súa experiencia no proceso de publicación
de Verbas de Atenea
Na última parte de presentación, Fernando preguntou aos asistentes se querían facer algunha pregunta, co que un dos seus escritores habituais preguntou se encontrara algunha diferenza á hora de traballar con mulleres, e a resposta de Fernando foi que as mulleres estaban máis dispostas a colaborar, aceptaban mellor as suxestións do editor, e entregaban o traballo e os documentos pertinentes con maior velocidade. Esta pregunta e resposta foi con moito humor e provocou o punto máis humorístico da presentación.
Vista xeral d@s sistentes á presentación en Lila de Lilith
Por último a xente comprou algúns exemplares e as autoras e ilustradoras presentes firmaron algúns deles.
Verbas de Atenea ten a estrutura habitual dos demais volumes desta colección: en primeiro lugar, un apartado no que falan os editores (Fernando e Tomás); despois a ilustradora da portada, Jara Zambrano, explícanos como foi o proceso de creación da ilustración; a continuación ven a sección dos contos nos que as autoras son: Ana García (texto e ilustración), Maruxa Martínez (texto) e Minia Regos Sanz (ilustración), Suzi Ons (texto) e Ana Castiñeiras (ilustración), Erica Couto (texto), Patricia Mariño (texto), Xulia María Barros (texto) e Judit Pequeño Vázquez (Ilustración), Lúa Campos (texto e ilustración), Beatriz Guerra (texto), María Eijo (texto) e Tamara Castro Laplaña (ilustración) e Tuula Ahola (texto). De seguido ven a parte das novelas curtas, na que hai presenza masculina pois estas historias xa veñen do número anterior, e están escritas por Santiago Bergantinhos e Tomás González Ahola. Por último, a parte dedicada a tradución onde Manuel Ángel Gayoso traduce o relato “Vampiro” da gran Emilia Pardo Bazán. En resumo, un número moi interesante e fermoso que estará nas librarías en abril. ¡Non deixedes de mercalo!
Aquí retomo eu, Dúas Lúas, o teclado, tras a magnífica e exhaustiva crónica de Patricia Mariño, para darlle as máis calorosas e abondosas grazas por prestarse a ser a nosa voz nesta xornada. E a nosa mensaxe habitual de despedida hoxe non temos outra que dedicarcha, Patricia: SEGUÍMONOS! Unha aperta! 😉
Anuncios
Etiquetado , ,

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: