“Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro”: aventuras do Mississippi á Costa da Morte

“Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro” é un relato longo que podemos ler grazas á imaxinación da súa autora, Alex Bayorti, cántabra de nacemento e afincada en Galicia dende hai uns anos que, polo que semella, apaixonada dos retos, presentou a historia nun idioma -o galego- que xa fixo seu, á última edición do premio Antón Avilés de Taramancos, resultando gañadora. Grazas a ese feito, a editorial Toxosoutos publicou o libro, que ven de ser publicado tamén por Urco editora na súa liña xuvenil, nunha versión cunha atractiva capa, como ven sendo habitual, de José Ángel Ares. Esa foi a versión que lin, e quedáronme moitas ganas de comentala coa autora, cousa que foi posible porque dende o primeiro momento se puxo a disposición da curiosidade de Maleducadas.

capa-tom-huck-promo-471x710

Capa do libro, con ilustración de José Ángel Ares. Fonte: Urco.

Dela sabíamos o que aparece na solapa do libro: que naceu en Santander, pero ben puido ser outro lugar, xa que a mudanza foi algo recorrente na súa vida dende que era cativa. Que fose onde for, a lectura e a escrita acompañárona, sendo boas amigas dela. Que neste camiño foi dando a luz relatos varios publicados en volumes colectivos e revistas e colaborando na fundación da asociación editorial Nanas Ediciones Clandestinas, en 2012. E que traballa actualmente como redactora de contidos para diversos medios. Ademais, ao pouco de chegar a terras galegas, non quedou parada e, amén de aprender a lingua, converteuse en parte integrante e entusiasta da cultura do país, sendo cofundadora do portal de literatura Lermos.gal e participando en diversas iniciativas culturais.

foto-alex-700x700

Alex Bayorti, gozando da pesca o mesmo ca Tom e Huck. Fonte: Urco.

Antes de dar pé á entrevista que lle fixen, sinalar que estamos ante unha obra na que os protagonistas son as personaxes de Mark Twain, Tom Sawyer e Huck Finn, trasladadas de época e lugar e con outras características que as fan distintas das orixinais. Neste caso, andan por terras galegas, durante os pasados anos oitenta, e xa medradiños, buscando un tesouro.

Mais, que conta a sinopse oficial? Conta que…

… “Houbo un tempo en que a herba era máis verde, a luz máis clara e viviamos rodeados de amigos. Do mesmo xeito, Tom soñaba cada noite con aquel lugar sen horas onde era eternamente feliz coa súa benquerida Becky… e con Huck… que pasou con Huck?

A miles de quilómetros do seu fogar, nalgún lugar onde bate o nordés e sempre chove, o eco dunha lenda fai espertar arelas esquecidas no maxín de Tom, deprimido e abandonado de si mesmo. Se cadra esa é a oportunidade para abrir unha porta de volta cara a aquel mundo de tanto tempo atrás, na ribeira dun río sen fin.

A fin de contas, nada ten que perder.”

A partir de aquí, xa non garanto que o artigo estea libre de spoilers, así que abandonádeo quen desexedes ler esta historia sen ter máis información da debida…


D.L. [Dúas Lúas] Alex Bayorti non tiña nada que perder para decidirse a escribir este relato e presentalo máis tarde a un premio?

A.B. [Alex Bayorti] Absolutamente nada. De feito, gañar o certame foi pouco menos que un milagre. Escribo dende que teño uso de razón. Comecei a enviar manuscritos a concursos con vinte e cinco anos, cando aprendín a fracasar. Porén, por moito que aprendamos a fracasar, sempre hai un punto de non retorno, un intre en que decidimos darnos por vencidos. O premio Avilés de Taramancos era o meu punto de non retorno. Parece ser que o ser humano necesita dun final para que teña sentido o comezo de calquera cousa. Este comezo, por certo, encantoume.

premio-aviles-taramancos

Alex Bayorti recibe o premio Avilés de Taramancos 2016 en Noia. Fonte: La Voz de Galicia.

D.L. Non respondas se non queres mais,segundo vin, o teu apelido real é Martínez. O Bayorti ten algo especial?

A.B. Pois a verdade é cun acrónimo dos apelidos das miñas avoas. Eu non coñecín os meus avós e, realmente, foron elas as que tiveron peso na miña familia dende sempre. Decidín cambialo cando empecei a traballar como redactora. Alexandra Martínez Martínez é moi longo!

D.L. As aventuras do relato transcorren nos anos oitenta. É casualidade que no meu maxín, grazas ao cinema, os anos oitenta sexan esa época fabulosa onde parecía posible atopar tesouros?

A.B. Steven Spielberg fixo moitisimo dano e eu tamén fun vítima dos Goonies ou de Indiana Jones. Quen non buscou tesouros na súa aldea cando era cativo, a finais dos oitenta ou principios dos noventa? Realmente, a herba era máis verde por aquel tempo (ou iso o estarei a me facer vella “para estas merdas”). O que si que é verdade é que a xeración na que nacín (1985) foi a primeira que conviviu realmente coa tecnoloxía dos videoxogos e dos ordenadores ao mesmo tempo que pasaba horas e horas buscando tesouros en casas vellas, “explorando” os montes veciños ou indo á ría a pescar. Fomos, sen dúbida, unha xeración afortunada por podelo vivir todo.

goonies-fratelli

Mamá Fratelli quería o tesouro para ela. Por sorte, aí estaban os Goonies para opoñérselle! Fonte: PlayBuzz.

D.L. Os protagonistas da historia van detrás dun tesouro moi vinculado cos lendas míticas de Galicia: a trabe de Ouro, as Mouras das Covas, a raíña Lupa… Por que elixilas? Estaban aí cando as precisabas ou coñecíchelas e a partir de aí xurdiu o conto?

A.B. Coñecía as historias da raíña Lupa e a trabe de Ouro, das mouras e ese pasado mítico, dende que cheguei aquí. Gústame viaxar así que me movín bastante nestes dous anos por Galiza. Durante ese tempo namorei do Monte Pindo (mesmo quedei a durmir na ermida de San Guillerme no equinoccio de primavera un ano para poder ver amañecer dende ela e presenciar como o sol saía xusto por detrás do Pindo). Foi aí cando empecei a crear toda a historia, como pezas dun crebacabezas que ía encaixar despois de semanas seguindo as aventuras de Tom e Huck.

Lupa-1-225x300.jpg

A raíña Lupa. Fonte: Concello de Boqueixón

D.L. É imposible desligar a aventura deste recanto do mundo, á marxe de polos elementos lendarios, polos puntos de referencia xeográficos: Santiago de Compostela, Noia, Fisterra… como é posible que imaxinaches a Tom e Huck tan lonxe do seu espazo natural, que serían as veigas do Mississippi?

A.B. Seica aos Tom e Huck ideados por Mark Twain lles encantaría vivir nun lugar así, onde en ocasións o tempo se detén. Ese lugar é a Costa da Morte. Tiven a sorte de vivir nunha tenda de campaña no Cámping de Estorde, en Fisterra, durante todo un verán e descubrir que o tempo na fin do mundo é diferente, cunha cadencia fermosa. Por suposto, o punto de partida non podía ser outro que a miña querida Compostela e pasando pola entrada natural á terra prometida: Noia.

Mirador-de-O-Ézaro.jpg

Privilexiada panorámica da Costa da Morte dende o mirador do Ézaro. Fonte: A Costa da Morte.

D.L. Pola túa biografía sabemos que o galego non é a túa lingua materna, mais, como os protagonistas, aprendiches a defenderte nela. Foi decisión persoal ou aprendéronche bos amigos, como a Branca da túa historia?

A.B. Dende o primeiro momento que cheguei a Galiza (concretamente a Lugo), souben que quería falar en galego. Ao comezo non era nada  persoal. Tamén estivera antes en Budapest durante seis meses e aprendera a me defender o xusto en húngaro. Seica o idioma é riqueza e non se pode perder esa riqueza. O galego é a pegada dactilar deste pobo e que se perda significaría perder a identidade dunha cultura. É unha traxedia! A medida que fun coñecendo conceptos como o auto-odio e demais o asunto si que comezou a ser persoal. Tiven a gran sorte de que parte do meu contorno me falaba en galego e de que tiñan centos de libros nesta lingua. Se queres aprender un idioma, escoita falar a xente, le como se che fose a vida niso e ármate de valor para comezar a falar. E voilá!

D.L. A relación de amizade entre as mulleres é moi importante na novela, Tom abráiase do grao de confianza que existía entre un Huck que neste libro asimilamos como muller e outras personaxes como Branca –que sufrira maltrato- ou Becky –que buscaba protagonizar a súa propia vida-, facendo que Tom se sinta un pouco perdido. As mulleres deberamos estar máis unidas para defender os espazos que nos corresponden coma persoas?

A.B. Sen dúbida. As mulleres deberían, primeiro, facer un grande esforzo de desaprendizaxe (unha especie de desintoxicación) de todo o que lles ensinaron. É moi complicado borrar o que é aprendido durante anos e anos pero non imposíbel (nin moito menos). E despois? Poñelo en práctica. Coñezo demasiados casos de mulleres que, na teoría, se desenvolven como verdadeiras pasionarias pero que non saben tomar os seus espazos. Non estou moi de acordo co feito de defender un espazo que debería ser teu por dereito propio. Son máis de tomalo directamente. Sen máis explicacións. Na historia de Huck e Tom quería deixar claro isto mesmo.

D.L. A mocidade dos protagonistas escápaselles entre os dedos. Hai algo de morriña cara esa idade, ao tempo que parece exhortársenos a non deixar morrer por completo os rapaces e rapazas que somos ou fomos?

A.B. Algo? Hai todo de morriña, polo menos cando o escribín. De feito, foi unha especie de terapia porque cando o escribín estaba en plena crise existencial (teño unha cada dous anos así que o raro en min é non telas). O certo é que non hai mellor momento que este, que o agora. Tanto ten a idade. Nunca imos estar mellor que agora e é ridículo pensar no pasado con nostalxia o no futuro con ansiedade. Efectivamente, esta historia é para todas esas persoas que cren que agora xa non poden facer algo porque “o momento pasou”. O intre non pasa até que non morremos. Iso é o que pensan Tom e Huck. Iso é do que eu estou segura.

“Esta historia é para todas esas persoas que cren que agora xa non poden facer algo porque “o momento pasou”. O intre non pasa até que non morremos.”

D.L. Por que Mark Twain?

A.B. Porque sempre foi o escritor máis equilibrado dos meus andeis. Ese perfecto equilibrio entre acción e reflexión. Teño que confesar, non obstante, que del sempre me gustou máis o relato para o público adulto do tipo de “O home que corrompeu unha cidade” pero sinto un agarimo especial por Huck e Tom. Son unha nostálxica da amizade infantil, cando unha casa en risco de destrución era una casa encantada e baixo os nosos pés nadando no mar había baleas e bestas abisais. Que lle vou facer?

Mark-Twain.jpg

Mark Twain coa súa máquina de escribir. Fonte: Librópatas.com.

D.L. Unha última cousa: Algunha vez atopaches un pastor que estivera un anaco contándoche historias?

A.B. Non. Por desgraza. Dende pequena foi un deses oficios que me chamaban a atención. Pensaba – inxenua de min – que seguro que tiñan moito tempo para ler e escribir, e mentres estaban no monte rodeados de natureza! Máis bucólico, imposíbel.

4 R

E velaquí bucólica imaxe de pastores durante os anos 20 no porto de Palombera, en Cantabria, dedicada especialmente a Alex Bayorti. Fonte: Trashumando.


Coa curiosidade satisfeita, cando menos, polo momento, agradezo a Alex Bayorti a súa amabilidade para connosco, e, por se vós aínda quedastes con ganas de saber máis, tedes ao voso dispor, coma en cada entrevista maleducada, un pequeno anexo de referencias listo para descargar.

DESCARGA AQUÍ

“TOM, HUCK E O MISTERIO DA TRABE DE OURO”:

AVENTURAS DO MISSISSIPPI Á COSTA DA MORTE:

ANEXO DE REFERENCIAS

Anuncios
Etiquetado , , , , ,

3 pensamientos en ““Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro”: aventuras do Mississippi á Costa da Morte

  1. […] Origen: “Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro”: aventuras do Mississippi á Costa da Morte […]

  2. […] Máis información no meu blog Maleducadas: “Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro”: aventuras do Mississippi á costa da Morte. […]

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: