Lembrando a conversa con Elena Gallego Abad

Como me parece inútil transcribir os posts sobre #onosocampionato que se limitan a presentar os vídeos que o conformaron, nese caso vouvos remitir ao propio 100%Maleducadas…

…e transcribir aquí a única entrada que considero que contiña información o suficientemente interesante para recuperala por enteiro, como foi a entrevista coa escritora Elena Gallego Abad, cuxa saga Dragal foi unha das elixidas para participar no campionato de literatura de aventuras e fantasía en galego e que, dende aquela, pariu un novo fillo: Dragal IV: A estirpe do dragón. Déixovos con ela:


19 de octubre de 2012

Elena Gallego Abad: “Os dragóns condensan toda a maxia do universo”

Elena Gallego Abad presenta a aliñación do Orde de Dragal**

Elena Gallego Abad, a “presidenta”* do equipo Orde de Dragal**, que este verán presentou a última estratexia de xogo co selo persoal do dragón galego, concedeu unha entrevista a Maleducadas co gallo do campionato de literatura de aventuras e fantasía en galego que terá lugar o próximo novembro.

Maleducadas. Bo día, Elena. Que che parece esta iniciativa? Que esperas deste campionato?

Elena. Gustaríame que servise como plataforma para dar a coñecer a nosa fantástica literatura entre o lectorado. En galego temos grandes novelas, tamén no eido da fantasía, que descoñecemos porque se agochan nos andeis máis afastados das librarías (se é que chegan a elas, o que non sempre acontece).

M. Coñeces aos outros competidores? Lembramos que son Os Amala, os Príncipes Segredos, os Arxinas de Cido, o Santa Cruz de Ribadulla e o Terras da Alianza (cuxa historia oficial relátase en O segredo da pedra figueira, Arnoia, arnoia, O brindo de ouro, As meigas de Lupa e O morador da fenda).

E. Algún deses libros agarda quenda de lectura na miña biblioteca, a ver se remato co traballo de documentación dunha nova novela na que traballo na actualidade e dispoño de tempo suficiente. Non os coñezo en persoa, mais teño moi boas referencias de todos eles.

M. Cal é o equipo que ves con máis posibilidades de gañar o campionato?

E. Vou tirar para a casa, porque os dragóns condensan toda a maxia do universo. Gustaríame pensar que Dragal conta con todos os ingredientes precisos para conquistar a todo tipo de público. De feito, entre os seus lectores temos rapaces de dez ou doce anos pero tamén adultos interesados en ler unha novela de aventuras aderezada con retrincos da historia de Galicia e as nosas tradicións, en vivir unha trepidante aventura ao longo de case mil páxinas. A triloxía de Dragal é unha boa candidatura, coido que si.

M. Pensas que falta algún equipo importante xunto aos seis seleccionados?

E. Nos últimos anos estanse editando cousas moi interesantes. Por poñer un exemplo, haberá que estar pendente da nova saga de Fernando M. Cimadevila, que ten publicado “O mundo secreto de Basilius Hoffman” e promete catro títulos máis.

M. A nivel internacional, contra que equipo che gustaría xogar un amigable?

E. Xa postos a pedir, gustaríame que Dragal chegase a grandes ligas nas que militan best sellers como Harry Potter. Se o Celta de Vigo chegou a xogar na Champions League, por que non?

M. Neste campionato, cales cres que son as bazas do Orde de Dragal para meterse na final e gañala?

E. “Dragóns durmidos que agardan una resurrección, templos medievais que agochan simbólicos segredos, medallóns máxicos que comunican seres e mundos, herdanzas e destinos irrenunciables, bibliotecas que custodian antiquísimos libros prohibidos, as témeras augas da Poza da Moura, unha poderosa orde de vellos cabaleiros que se constitúen en fraternidade, metamorfoses que procuran seres híbridos, un xuramento de sangue inquebrantable, os arcanos da Ciencia Secreta, criptas, plenilunios e barcas funerarias, ovos alquímicos nos que a enerxía do universo se concentra”… Coido que o crítico literario Armando Requeixo resumiuno moi ben no seu blog Criticalia, hai uns días. Dragal é unha historia “vibrante, inzada de acción e aventuras”, que “convida a se perder na súa vertixe e esquecer nada que non sexa a pura pulsión da loita atávica do Ben contra o Mal”.

M. Imaxinemos que o Orde de Dragal vence aos seus contrincantes. Que pensarías se os seus seareiros se botan ás rúas a axitar bandeiras e ás estradas a meter bucinazos dende os coches? Se os afeccionados á literatura celebrasen así que un premio Nobel vai para o seu país, a lectura convertiríase nun deporte de masas?

E. Non imaxino aos seareiros do dragón galego facendo apoloxía de Dragal con bandeirolas polas rúas, pero se conseguise “enganchar” novos lectores á literatura en galego tampouco estaría mal. O dos premios Nobel, vémolo estes días na China, celébrase esgotando as publicacións do galardoado nas librarías. Sen chegar a tanto, eu aspiro a que os seareiros de Dragal espallen a maxia do dragón e a Fraternidade siga medrando con novos dragalianos (moi pronto, no Nadal, sei de máis de un que vai agasallar a triloxía completa).

M. Moitas grazas por dedicarnos uns momentos, e se queres engadir algo, adiante: esta é a túa casa.

E. Desde aquí quixera agradecer a Maleducadas a iniciativa de “enfrontar” distintos títulos de literatura de aventuras e fantasía en galego nesta singular competición, que servirá para coñecer un pouco mellor as nosas propostas literarias. Desde aquí convido a propios e estraños a descubrir a maxia de Dragal. Seguro que en canto baixen ás catacumbas e coñezan os segredos da cripta, ou descubran os incunables agochados na biblioteca prohibida, desexarán formar parte da Fraternidade do Dragón Galego.

***

*presidenta = autora, neste contexto.
**Orde de Dragal = triloxía de Dragal, conformada polos libros: Dragal I. A herdanza do dragón ; Dragal II. A metamorfose do dragón; Dragal III: A fraternidade do dragón.

Anuncios
Etiquetado , , , ,

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: