“Non hai luz sen escuridade”: todo o que sempre quixeches saber

Por obra e graza da súa autora, a quen estarei eternamente agradecida, caeu nas miñas mans un libro ao que lle tiña botado o ollo dende a súa publicación hai uns poucos meses: Non hai luz sen escuridade. O libro relata a historia de Lea, unha bruxa das tebras que, acompañada dunha loba e dun corvo, emprende a busca do seu dragón. Ao longo do seu periplo, coñecerá meigas e fadas, seres fantásticos, bandidos e xentes vilegas das que aprenderá (ou aprenderano dela?) que non todo pode dividirse en luz ou escuridade.

luz-escuridade

Unha casa de meigas, única luz no profundo do bosque escuro. Por cortesía de Pixabay

A maleducada que imaxinou esta historia fantástica, publicada por Urco na súa liña xuvenil, é Andrea Barreira Freije, galega de A Fonsagrada residente en Compostela que, con menos de 30 anos (é da xeración de 1986), ven deleitándonos dende hai tempo cos seus relatos, que podemos ler, entre outros, nalgunha das revistas (de formato libro) Contos Estraños publicadas pola editora homónima, que ven de integrarse como selo especializado, precisamente, dentro da xa mencionada Urco Editora.

abf

Andrea Barreira Freije tentou usurpar o trono feérico. Fotografía de Analía G. Alonso.

Unha vez lida e gozada a obra, coa que confeso que me divertín léndoa, quixen saber máis, que a curiosidade é un defecto que teño, e contactei con Andrea para atacala cos meus interrogantes. Como é moi boa xente, non tardou en responder ás miñas preguntas, e velaquí volas traslado para poñer luz (e tamén algo de escuridade, que de toda pregunta sempre sae outra) sobre todo o que sempre  quixeches (ou quererás) saber desta historia:

non-hai-luz-sen-escuridade

  • Por que me recomendarías ler a novela?

Porque todo o mundo, nalgún momento da súa vida, atopouse na mesma situación que Lea. Nese cruce de camiños entre quen somos, que queremos ser e o que cremos que os demais agardan de nós, todo isto, ademais, enleado coa percepción que os demais teñen de nós e que, de certo modo, tamén nos describe. É entón cando precisamos definirnos e buscar ese apoio tanto en nós mesmas como na xente que nos acompaña no camiño. Porque ao final o libro é iso, un camiño cara a aceptación dunha mesma, tanto coas nosas cousas boas, as luces, como as malas, as sombras. Un camiño no que o comprensión e a incomprensión mestúranse, no que as cousas non son o que aparentan… Entón, abrir a mente e enfrontarse e superar os medos son a mellores bazas que temos. Por iso creo que é recomendable Non hai luz sen escuridade, porque pode ser un espello no que verse reflectidas.

  • Son moitos os detalles que poderiamos destacar dela mais, o máis salientable, é Lea, a súa protagonista. Que nos podes contar dela e que ten de especial?

Curiosamente o que fai especial a Lea é a súa escuridade, as súas sombras. Trazos da súa personalidade que a definen e que, porén, tenlles medo porque neles está a súa forza. Pero Lea é demasiado orgullosa para deixarse levar por temores, ou quizais podería dicir testana porque cando se pon unha meta camiña decidida cara ela, inda que teña que parar a tomar folgos, inda que o mundo lle diga que non pode. É un ser forte, non polo seu poder máxico, senón polo xeito de afrontar cada reto que ten diante. Mais esa fortaleza non lle impide ter momentos nos que se sinte desbordada pola situación, impotente, cansa… Mais a súa afouteza empúrraa a seguir adiante, diría cun sorriso, pero Lea non sorrí demasiado. Outra parte da súa personalidade que a fai especial é a súa capacidade para ver nos demais cousas que pasan desapercibidas pero que definen ás personaxes que a rodean; calidades que só se ven se se deixan atrás os prexuízos. Lea acepta aos demais como son, tal cal, quizais porque agarda que suceda o mesmo con ela. Estas son algunhas das cousas que a fan especial para min, mais supoño que cadaquén verá nela outras características que destacar, ou iso espero.

luna-escuridade

Cómpre levar unha luz para atravesar a escuridade? Cortesía de Pixabay

  • Obviando os seus poderes, cres que Lea podería ser unha adolescente máis de hoxe en día, ou destacaría?

Inda que só sexa polo seu escepticismo e a súa capacidade para protestar e cuestionarse o establecido, creo que destacaría. Está no mesmo momento vital que as adolescentes, facéndose a si mesma, definíndose, rebelándose ao mundo, procurando a súa identidade. Pero é unha rebeldía visible, palpable, orgullosa que pecharía bocas a adultos, quizais, inda que sexa contraditorio, porque é unha rebeldía controlada aínda que veña de impulsos. O curioso de Lea é que apenas se deixa levar polas emocións, contrólaas para que os demais non atopen unha soa fisura no que se supón que é: unha rapaza escura, fría, imperturbable, que non debe sorrir, nin permitirse agarimos nin sentir cousas boas, fendas que poderían considerarse debilidades. Toda unha máscara. Chegados a este punto pregúntome se na adolescencia construímos a nosa máscara ou loitamos contra ela…

  • Acompañando a Lea hai dous animais que eu consideraría totémicos: un lobo e un corvo. Que papel xogan na novela?

Os seus papeis son fundamentais, porque son dous dos piares de Lea inda que cada un asuma un rol ben diferenciado. Son os seus mellores amigos, en quen deposita toda a súa confianza e cariño, os que completan a súa visión do mundo dende ben pequena. Completan e amplían, porque inda que Lea descoñece como é o mundo alén do seu fogar, estes animais non, polo que se conforman como resposta ante as múltiples dúbidas que a atacan nada máis poñer un pé fóra do castelo no que vive. Pero o máis importante é que son os que lle dan luz nas súas sombras. Isto en canto aos dous no conxunto. Agora por separado.

O corvo representa a conciencia. Como un Pepiño Grilo. Non deixa de ser, en certo modo, a voz familia, dos pais, que lle lembra o que ten e deber ser, o que lle recorda o que non debe facer. O que marca o que, no seu mundo, se considera correcto e incorrecto. É o amigo rosmón que di as verdades que moitas veces non se queren oír porque nos levan a contraria ou porque non nos conveñen, pero que precisamos escoitar. E malia todo, as discusións, as desconfianzas… quérense e respéctanse.

Sombra, a loba, representa a emoción e poderíase dicir que é a súa sombra literal. É a definición de amizade en si mesma. Está sempre, no bo e no malo. Acompaña a Lea en cada un dos pasos que dá e, como tal, deposita nela todos as inseguridades e anhelos. Ademais a loba representa o seu poder como ser da noite, como a proba irrefutable do seu lugar, do que é e do que chegará a ser, de aí que xa a acompañe dende o seu nacemento. Un aspecto importante en canto a Sombra é que cando está coa loba Lea é ela mesma, non hai aparencias que finxir. É a aceptación plena.

  • Como describirías a relación de Lea cos seus pais e, máis especialmente, co seu pai?

Complicada? Conflitiva? Os pais de Lea son os Señores da Escuridade, os máximos representantes das sombras no seu tempo, polo que tamén teñen o seu rol que cumprir, a súa máscara. Na familia de Lea non hai espazo para rir, nin para os agarimos. Ollo! Iso non significan que non se queiran, só cambia a súa forma de expresar ese afecto. Converten cariño en expectativa, en ansias de poder. Na medida en que Lea demostre o seu valor, desmesurado, quedará demostrado o bos pais que foron. Na medida en que a filla supere aos pais, estes cren que os vínculos se volverán máis fortes. Pero precisamente aí nace o conflito na súa relación. A esixencias afogan a Lea que non está moi segura de querer ir polo camiño que marcan os seus pais, sobre todo o pai. É unha loita interna moi forte, porque por un lado teme a decepción que lles pode causar se non atopa o dragón, se non se converte na feiticeira que agarda, pero por outro quere que lle deixen ser ela mesma sen xustillos do que ten que ser una dama escura. Todas as sombras que se atopará Lea na súa procura non deixan de ser a ollada do pai, o recordatorio de quen é, de quen será e todas as dúbidas que ela ten dentro dela. As relacións familiares non son doadas para ningunha das personaxes do libro…

  • Hai moitos elementos recoñecibles para os amantes dos libros de fantasía: as runas gravadas na pel, medallóns máxicos, libros de feitizos… Cal deles che gustaría posuír (aínda que non estea na relación que acabo de apuntar)?

Só podo escoller un? Neste caso supoño que as runas por todo o que significan. No libro son moito máis que unha mostra de maxia ou poder, son un símbolo de identidade. E como a identidade vai mutando, as runas tamén cambian en función do seu posuidor. Ademais protexen e amplían os poderes. Se entendemos que a forza, de certo xeito, parte de coñecerse a unha mesma, que é algo que nos axudará a enfrontarnos ao día a día, non é un mal elemento. Ademais as runas, sobre todo aquí en Galicia, teñen ese vínculo á terra, ás raíces, á nosa cultura… Inda que non lle faría feos a ningún.

  • Tiveches en conta os contos e lendas tradicionais para crear os seres que poboan a novela, como as fadas ou as harpías? Son seres que poderías topar na Fonsagrada?

Si, de feito están sacados do imaxinario colectivo e tradicional. Nunha primeira versión había inda máis, pero xa me parecía un pouco excesivo polo que a lista reduciuse a aqueles que máis poderían influír en Lea. Por exemplo, as meigas e bruxas, brancas e negras, que atoparedes no libro teñen as características “de manual”, máis ou menos, porque nada é o que aparenta, pero as súas funcións, o que fan, como o fan… están extraídos de como a tradición as definiu. Acontece o mesmo coas fadas e as harpías, seres luminosos e escuros, caprichosas unhas, vingativas as outras, alegres as primeiras, castigadoras as segundas, ás brillantes case de insecto, ás escuras de ave… Logo teredes que descubrir ata que punto se asemellan a contos e lendas… E se se poderían atopar na Fonsagrada…? Moléstame que o dubides… (risas), a quen non vexa os seres máxicos que hai nas montañas préstolle as miñas gafas, iso si, segundo como sexa cadaquén verá uns ou outros, non se pode ter todo, inda que crer neles é un primeiro paso importante. Pero tede coidado… mouros, trasnos, meigas, ánimas… nin tan sequera os animais que poboan as fragas son o que parecen (risas).

  • Dende o meu punto de vista, hai un elemento oriental que funciona case como base da novela e está presenta ata no título, Non hai luz sen escuridade: o yin e o yang. Non pensas o mesmo?

Moi ben visto! De feito é un dos fíos que tece todo o libro. As personaxes divídense en seres de luz e seres escuros, esa diferenza está moi marcada. O yin yang divídese en branco e negro. En cada “gota” hai un núcleo oposto, e as personaxes, como o título indica, teñen os seus matices… que non desvelarei. Ademais este símbolo é un círculo, sen principio e sen fin, que se repite unha e outra vez. As luces e as sombras son as dúas cara dunha mesma moeda e aliméntanse. O título, precisamente, marca a liña, a visión do libro no seu conxunto, o que simboliza o yin yang. É curioso porque o título e a historia xurde dunha idea que tiven: “Pintarei o Arco da Vella de sombras, porque non hai luz sen escuridade” e logo decateime de que era o mesmo concepto que o yin yang.

“Pintarei o Arco da Vella de sombras, porque non hai luz sen escuridade”

  • O final, malia ser digno e dar por concluídas as principais directrices da novela, da pe a imaxinar segundas partes. Supoño que o pensaches…

(risas) Máis que pensalo eu pensárono por min. Xente que leu o libro preguntoume para cando a segunda parte… Resúltame curioso porque para min é unha historia pechada porque fala dun momento moi concreto da vida de Lea, dunha situación emocional bastante delimitada (inda que o final aparente aberto). De feito non estaba pensado para ter continuidade. Podería? Si… O que pasa é que non sei se unha segunda parte, inda que profundaría na historia de aventuras, por así dicilo, perdería a parte emocional… A porta non está pechada, a idea está aí, de feito a estas alturas coñezo tanto a Lea que sei por onde podería tirar o argumento, pero todo o está moi no ar. Así que nun principio non contedes cunha segunda parte. Así se a hai sorpréndovos (risas)

  • Que libros e películas de fantasía coidas que puideron influírche e/ou recomendarías?

Ademais das lendas e contos tradicionais que comentamos antes (hai un príncipe azul como representante dos segundos), declárome fan incondicional das historias de Michael Ende e Roald Dahl polos xiros que teñen as súas personaxes, polas viaxes que fan ao final para atopar o seu oco no mundo… Considérome influída por eles, opinión que comparten algunha das miñas amigas. Sen ir máis lonxe, hai pouco comentando cunha delas o libro dicíame que a personaxe que tece, da que non direi máis para evitar spoilers e que está inspirada na figura das Moiras, recordáballe a personaxes sabios e especiais e púxome de exemplo a Morla (A Historia Interminable de Michael Ende). Eu engadiría que O espello tras o espello, tamén de Ende, se axusta á miña visión de procura e camiño.

Outra influencia inconsciente e que me pillou por sorpresa cando ma sinalou David Cortizo, o editor do libro, xa no ámbito da animación, son as películas do Studio Ghibli, os animes de Miyazaki. Dicíame que se notaba polo peso que ten a propia natureza na historia e na relación das personaxes con ela. Eu recomendo calquera das historias: “Nausicaä del Valle del Viento”, “El viaje de Chihiro”, “El castillo ambulante”, “La princesa Mononoke”…

  • Faltoume falar de labirintos, de cervos, de príncipes…. Non sei se botas en falta algunha pregunta ou queres dicir algo máis alá das cuestións previas.

Labirintos… no fondo todo o libro é un gran labirinto, cada decisión tomada por Lea abre, ou pecha, un camiño novo e as opcións cambian e axústanse a elas. Nese labirinto unha das primeiras probas é o cervo, ser luminoso que, porén, reflicte escuridade… Outro ser que caeu nel é o príncipe, azul, valente, rescatador de princesas en apuros… O exemplo da perfección, mais, iso existe? Poderiamos falar de cada encrucillada, de cada elemento que empurra ou atranca, mais para iso mellor agardar a ler o libro.

Quen se atreve a atravesar as portas do labirinto? Cortesía de Pixabay

Quen se atreve a atravesar as portas do labirinto? Cortesía de Pixabay

  • Unha última cousa, por que o nome de Eume para unha das personaxes principais?

(risas) Cústame poñerlles nomes ás personaxes. Paréceme un aspecto tan definitorio, que marca tanto e… polo que me protestan tanto as personaxes que ás veces remato unha historia e as personaxes seguen sen un. No despacho de meu pai hai tres mapas: un da Fonsagrada, un de Lugo e un de Galicia. Ás veces pérdome entre os nomes de distintos puntos xeográficos e neles aparecen os nomes. Lea e máis Eume son dous ríos. Pero é por Eume por quen preguntas. Ben, que é un río xa está dito, mais non é un río calquera. É parte da cultura e do imaxinario galego porque baña as Fragas máxicas, e Eume, a personaxe, habita nunha desas fragas. Non só é o seu fogar é parte de si mesmo e el é parte dela. Ademais, foi caer nese recuncho e saber que sería o seu nome.

Coma runas de poder, os fungos tatúan a pétrea pel dun penedo do río. Cortesía de Pixabay

Coma runas de poder, os fungos tatúan a pétrea pel dun penedo do río. Cortesía de Pixabay

Pois xa sen máis preguntas, e agradecendo novamente a Andrea a súa boa disposición para falarnos do universo de Lea, sabede que, coma sempre, podedes acceder a un pequeno anexo de referencias para completar a información sobre a súa obra e sobre as cuestións que as preguntas abriron.

DESCARGA AQUÍ

NON HAI LUZ SEN ESCURIDADE:

TODO O QUE SEMPRE QUIXECHES SABER.

ANEXO DE REFERENCIAS

Anuncios
Etiquetado , , , , , , , , , ,

2 pensamientos en ““Non hai luz sen escuridade”: todo o que sempre quixeches saber

  1. […] Entrevista de Dúas Lúas (Blog Maleducadas) […]

  2. […] Máis información no meu blog Maleducadas: “Non ha luz sen escuridade”, todo o que sempre quixeches saber. […]

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: